A aceleradora do sector alimentario BFFood impulsa 16 iniciativas emprendedoras

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora especializada no sector alimentario, impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), permitiu apoiar 16 iniciativas emprendedoras, das que seis forman parte da primeira edición da fase de consolidación. A esta convocatoria de consolidación presentáronse 27 candidaturas, das que catro pasaran anteriormente pola fase de aceleración en 2019.

As iniciativas seleccionadas acceden a un programa de apoio integral e especializado de 12 meses de duración con mentoring, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como financiamento a través dun préstamo participativo de Xes-Galicia, que podería levar unha opción de capitalización de até un máximo de 250.000 euros.

O comité de selección de BFFood destacou a innovación e tecnoloxía dos proxectos seleccionados, que teñen que atender a algún dos retos definidos pola industria alimentaria, como a dixitalización e automatización, a sustentabilidade, o desenvolvemento de novos produtos, a interacción con clientes e consumidores, así como fortalecer a resiliencia do sector ante situacións de emerxencia derivadas de pandemias, como a provocada polo coronavirus.

Esta iniciativa, que desenvolve ao mesmo tempo tamén a segunda edición do programa de aceleración, enmárcase na rede de aceleradoras de Galicia, a plataforma StartIN Galicia, que aglutina todos os apoios ao emprendemento do Goberno galego e, máis concretamente, no modelo Business Factory, que aposta pola innovación aberta en sectores estratéxicos para Galicia como a automoción, a aeronáutica ou o agroalimentario.

Entre os proxectos seleccionados nesta convocatoria atópanse ideas como Essence Food, que traballa no desenvolvemento de produtos alimentarios a partir de excedentes ou residuos comestibles; Monkey Markets, de selo coruñés, unha ferramenta que facilita aos produtores europeos a venda dos seus produtos en China; a plataforma de monitorización Muutech, que toma datos de calquera fonte e analízaos en tempo real; ou a plataforma de aprendizaxe automática de TripleAlpha, tamén coruñesa, que replica calquera planta de fabricación e optimiza os procesos con algoritmos de predición.

“O público demanda alimentos cada vez máis saudables, con etiquetas limpas, libres de aditivos e conservantes. Afortunadamente, a alimentación é un asunto cada vez máis relevante e o consumidor empeza a ser consciente de que levar unha dieta equilibrada e saudable é indispensable para lograr unha boa calidade de vida”, comenta Alfredo Bermúdez, de Smart Vitamins.

Fonte: El Ideal Gallego