Os 60 microchips españois que viaxarán a Marte

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Un simple muíño pódenos servir para medir a velocidade do vento no xardín da nosa casa. Pero fóra da Terra todo é moito máis complicado. Por exemplo, en Marte non podemos usar un muíño porque alí a atmosfera é 170 veces máis tenue que a terrestre e o vento apenas movería as súas aspas. Ademais necesitamos que o noso sensor sexa moi preciso e fiable e que soporte as difíciles condicións da viaxe espacial.

Hai uns días, enxeñeiros do grupo de investigación de Micro e nanotecnoloxías (MNT) da Universidade Politécnica de Cataluña presentaron os 60 microchips, de fabricación española, que irán montados nun complexo sensor de vento que irá a Marte instalado en MEDA (Analizador da Dinámica Ambiental de Marte). MEDA é unha sofisticada estación meteorolóxica deseñada e fabricada tamén en España, polo Centro de Astrobioloxía (CAB, CSIC-INTA) , e que viaxará a bordo do rover Mars2020 da NASA, que aterrará en Marte en 2021.

Grazas a un acordo político e ao posterior apoio financeiro continuado, tanto o CAB como o MNT, así como outras empresas e institucións españolas (como as universidades de Sevilla e do País Vasco, Airbus Tres Cantos ou Crisa) traballaron en instrumentos para misións interplanetarias da NASA dende hai mesmo 15 anos, capaces de pasar unhas probas de cualificación extremadamente duras. O CAB deseñou tamén as estacións meteorolóxicas REMS e TWINS, que xa están en Marte nos robots Insight e Curiosity.

MEDA foi froito de cinco anos de traballo, que culminaron o pasado mes cando o CAB entregou os instrumentos de voo ao Jet Propulsion Laboratory (JPL) da NASA.

Vencedor fronte a outros 67 instrumentos

Segundo explicou o investigador principal de MEDA, José Antonio Manfredi, todo isto foi posible grazas ao apoio político e á acumulación de experiencia e valor engadido. Así foi como o instrumento español foi escollido para voar a Marte no rover Mars2020 fronte a outros 67 instrumentos de todo o mundo.

O grupo do MNT desenvolveu uns chips de silicio para o sensor de vento de MEDA, un sistema formado por dous cilindros que miden a velocidade do aire a través da transferencia de calor entre o aparato e a contorna. Non se trata de chips moi complexos, pero si que teñen un tamaño mínimo, de apenas 1,5x1,5x0,5 milímetros. No seu interior hai resistencias de platino para captar a diferenza de temperaturas e circuítos para transmitir sinais eléctricos.

MEDA tamén mide a humidade, a presión atmosférica, a radiación e as propiedades do po marciano. Manfredi expuxo que isto último será crucial para as futuras misións tripuladas: "A eficiencia dos filtros que producirán osíxeno para os astronautas dependerán do traballo que fagamos". Á parte, o rover Mars2020 analizará a habitabilidade e a xeoloxía e tomará mostras que máis adiante serán enviadas á Terra.

(Fonte: ABC)