155 pequenas empresas obterán financiamento na primeira rolda de subvencións do instrumento para as pemes da Unión Europea

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Comisión Europea anuncia os primeiros resultados do seu novo instrumento dedicado ás pemes que, no marco de Horizonte 2020, conta cunha dotación de 3000 millóns de euros para axudar ás pequenas empresas innovadoras a levar as súas ideas do laboratorio ao mercado. En total, 155 pemes de 21 países (Estados membros da UE ou países asociados a Horizonte 2020) recibirán cada unha 50.000 euros para financiar estudos de viabilidade destinados a desenvolver a súa estratexia de innovación.

Ademais, as pemes poderán recibir asesoramento empresarial durante tres días como máximo. Con 39 propostas seleccionadas, foron as pemes españolas as que maior éxito obtiveron na primeira rolda, seguidas de preto polas pemes do Reino Unido e de Italia. En total, presentáronse 2666 solicitudes para a primeira rolda de subvencións. Os candidatos seleccionados recibirán unha notificación oficial durante este mes de agosto, tras o cal a Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas (EASME), encargada da xestión do programa, dará a coñecer publicamente os seus nomes.

Máire Geoghegan-Quinn, Comisaria europea de Investigación, Innovación e Ciencia, declarou o seguinte: "A resposta ao novo instrumento para as pemes é alentadora e non cabe dúbida de que hai unha clara demanda para este tipo de axuda. Espero que moitos dos plans empresariais financiados madurarán ata converterse en produtos e servizos reais que xeren crecemento e postos de traballo para as nosas economías. ¡Os nosos campións da innovación deben seguir progresando! ".

O instrumento para as pemes é un elemento esencial dos fondos dispoñibles para as pequenas empresas no marco de Horizonte 2020. Cunha dotación de aproximadamente 3000 millóns de euros para un período de sete anos, ofrece subvencións rápidas e sinxelas para a realización de estudos de viabilidade en materia de innovación empresarial (fase 1) e proxectos de demostración (fase 2). As empresas que presenten ideas o suficientemente perfiladas como para proceder ao investimento poderán ademais recibir asesoramento sobre desenvolvemento empresarial e outros servizos de apoio (fase 3).

Mediante o instrumento para as pemes, a Unión Europea quere financiar as pequenas empresas máis innovadoras que ofrezan un gran potencial de crecemento. O proceso de presentación de solicitudes é sinxelo, pero soamente serán subvencionados os mellores proxectos. Os temas subvencionables defínense na rúbrica 'Innovación nas PEME' do programa de traballo de Horizonte 2020.

As solicitudes poden presentarse en calquera momento, pero avalíanse catro veces ao ano. Estes resultados corresponden ás solicitudes recibidas ata o 18 de xuño de 2014, data límite de presentación para as subvencións da fase 1. As próximas datas límite para a avaliación son o 24 de setembro de 2014 (fase 1) e o 9 de outubro (fase 2).

Está previsto financiar uns 645 proxectos (nas fases 1 e 2) en 2014, cifra que se elevará 670 en 2015.

(Fonte: Cordis)