Representantes de parques tecnolóxicos de toda España celebran a súa asemblea xeral en Tecnópole

Buscar

Suscripción Newsletter

Introducir e-mail

Archivo mensual

Próximos Eventos

No hay eventos por el momento
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e conselleira delegada de Tecnópole, Patricia Argerey, deu a benvida esta mañá aos asistentes á asemblea xeral da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), que se celebrou esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), coincidindo coa conmemoración do seu 25 aniversario.

Patricia Argerey agradeceu o acompañamento de APTE neste cuarto de século, no que Tecnópole acolleu dúas conferencias internacionais de parques e no que a asociación contribuíu á evolución e crecemento do Parque Tecnolóxico de Galicia, que ao longo da súa traxectoria acolleu preto de 300 empresas e centros de coñecemento.

Entre os 48 socios que conforman actualmente APTE figuran dous galegos: Tecnópole e o Parque Tecnolóxico de Vigo, que, segundo Argerey, son exemplo de concentración do talento innovador de Galicia. Destacou tamén que as entidades que forman parte de ambos os dous parques son un foco de emprendemento innovador; de coñecemento listo para ser transferido dende os centros tecnolóxicos e de investigación; e de pemes capaces de gañar un posicionamento competitivo no mercado internacional a través da innovación.

Un exemplo do importante labor dos parques científico-tecnolóxicos no crecemento económico -motivo que xustifica o apoio que reciben por parte da Xunta de Galicia- é que non soamente prestan servizos avanzados e especializados de apoio, senón que promoven iniciativas que benefician a todo o tecido empresarial galego, como o programa Agrobiotech. Esta aceleradora de innovación de pemes dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, coordinada por Tecnópole xunto á Axencia Galega de Innovación, ten en marcha a súa segunda edición, na que participan dez empresas de toda Galicia.

Ademais, Argerey destacou a diversidade dos parques científico-tecnolóxicos, que no caso de Tecnópole se plasma en que inclúe dende un niño de empresas ata a empresa que conseguiu a máxima puntuación no índice Innobench (termómetro da posición innovadora das empresas galegas posto en marcha hai máis dun ano pola Xunta de Galicia), Egatel, ou start-ups como Xesol Innovación, que presentou hai uns meses un sistema autónomo de asistencia á condución e que está valorada en 230 millóns de euros.

Visita a Egatel e Coasa

Despois da benvida de Argerey e do presidente de APTE, Felipe Romera, os representantes de parques reunidos en Tecnópole e a directiva da asociación puxeron en común os temas relativos á xestión da entidade e as accións conxuntas a emprender nos próximos meses. Posteriormente, realizaron unha visita a dúas das empresas de Tecnópole, Coasa e Egatel.

Segundo os datos presentados na asemblea, os 66 parques membros da APTE suman 7778 empresas e xeran un total de 161.343 empregos, dos que 30.269 correspóndense con profesionais especializados en tarefas de investigación e desenvolvemento (I+D).

Finaliza así o programa de dous días que trouxo a esta delegación de representantes de parques liderada pola APTE. Ao longo da tarde de onte, ademais de celebrar unha mesa redonda na que debateron o futuro deste tipo de entidades, foron recibidos polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e tiveron ocasión de gozar das termas de Outariz.

(Fonte: Tecnópole)