O emprendedor español é home, enxeñeiro de profesión e ten 34 anos

Buscar

Suscripción Newsletter

Introducir e-mail

Archivo mensual

Emprender é maioritariamente cousa de homes. A pesar dos esforzos dalgúns organismos como as cámaras de comercio por animar as mulleres a emprender, o panorama do emprendemento español segue estando dominado polos homes.

O perfil do emprendedor en España é o dun home de 34 anos, con titulación de enxeñeiro (en calquera das súas ramas) e que xa decidiu arrancar o seu propio proxecto máis dunha vez, segundo aseguran dende a plataforma South Summit, que reúne ás principais "startups" e grandes compañías do país para favorecer as súas colaboracións e que tamén conclúe que ao contrario que en Europa, onde o "software" copa a actividade dos emprendedores, en España os novos proxectos empresariais céntranse no sector servizos.

Estes datos, que se desprenden do informe Mapa do emprendemento 2016 realizado pola plataforma, confirman que a pesar de que o emprendedor se consolidou como xerador de emprego e riqueza, a participación da muller neste sector empresarial estancouse dende o pasado ano.

O 97% dos emprendedores enquisados teñen formación universitaria, o 56% traballaba anteriormente por conta allea e só o 1% do total asegura decidir emprender por necesidade.

"Isto demostra que se emprende por vocación e decisión, non por necesidade", recalcou na presentación do informe a fundadora de Startup-South Summit, María Bermujera, quen insistiu en que o reto do sector está en "que as mulleres emprendan máis".

Liderado feminino

A pesar de que a representación das mulleres no "universo startup" (que é do 17% en canto a membros dos equipos de traballo e a mesma cifra en canto ao total de conselleiros delegados) non variou en 2016 despois de perder dous puntos porcentuais en 2015, os proxectos liderados por mulleres seguen sendo máis resistentes no tempo que os capitaneados por homes.

Só un 48% das empresas fundadas por mulleres fracasaron en 2015, mentres que as lideradas por homes fixérono nun 66% dos casos.

Unha das principais conclusións ás que chega o estudo foi a importancia da mentalidade emprendedora. De feito, segundo os datos rexistrados, un 51% dos emprendedores xa montara antes o seu proxecto profesional e un 5% creou máis de cinco ao longo da súa traxectoria profesional.

Ademais, segundo o informe, un de cada catro emprendedores vendeu xa a súa "startup", un dato que dependendo do caso pode lerse como un éxito ou como un fracaso. Moitas veces os CEO seguen traballando no proxecto despois de vendelo", recalcou Berjumera.

(Fonte: El Ideal Gallego)