AXUDAS DO IGAPE A PROXECTOS DE CREACIÓN DE EMPRESAS OU INVESTIMENTOS EN EMPRESAS NOVAS PROMOVIDAS POR NOVOS EMPRENDEDORES

Search

Upcoming Events

There are no events at the moment
Finalidade/Obxectivo
 
Fomentar a aparición de proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores.
 
Tipo de apoio
 
Subvención en réxime de concorrencia non competitiva.
 
Beneficiarios potenciais
 
Pequenas e medianas empresas segundo a definición da Comisión Europea, nas que non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e cumpran as seguintes condicións:
 
1.- Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:
 
a. O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia á data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels. Cando da documentación e datos que consten no expediente, se observase que se produce continuidade empresarial, por baixa recente (antigüidade menor a un ano) nunha actividade que é igual ou similar á que se propón como nova, ou por razóns que permiten concluír unha continuidade de empresa preexistente, poderase denegar motivadamente a axuda.
 
b. A participación no capital da empresa de persoas, físicas ou xurídicas, que si estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude, non poderá exceder conxuntamente o 49%. Polo menos unha das persoas físicas cunha participación superior ao 20% no capital e sen outra actividade económica por conta propia á data de solicitude, deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta allea desde a alta de actividade da nova empresa (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude) e ata o fin do período de execución do proxecto.
 
2.- Antigüidade na actividade empresarial:
 
i) No caso de autónomos a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a 1 ano no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non desempeñar outra actividade por conta propia ou allea durante o período de execución do proxecto.
 
ii) No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a 1 ano no momento da solicitude de axuda
 
3.- Contribución financeira exenta de axudas públicas:
 
Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
 
Sectores incentivables
 
1. Están excluídas das axudas as seguintes actividades, segundo o Regulamento (CE) 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto):
 
a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios, e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura
 
- CNAE 09: Divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40)
- CNAE 09: Grupo 10.2 (todas as clases) e Clase 46.38
 
b) O sector da industria siderúrxica:
- CNAE 09: Grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.
 
c) O sector de fibras sintéticas.
 
d) O sector do carbón e do aceiro:
 
- CNAE 09: División 05 (todos os grupos e clases).
 
e) O sector da construción naval consonte o disposto na comunicación da comisión DO C 160, do 28 de outubro de 2006:
 
- CNAE 09: Clase 30.11.
 
2. Nos subsectores de hostalaría, restauración e hospedaxe, unicamente serán subvencionables as actividades de restaurantes, e de hoteis de 2 estrelas ou superiores.
 
Requisitos principais do proxecto
 
Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, entre eles:
 
a) Non teñan comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
 
b) Presenten un custo subvencionable superior a 35.000€ e non superior a 500.000€, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión; se o custo subvencionable resultase superior a 500.000 €, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.
 
c) Os gastos e/ou investimentos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.
 
Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia á data de presentación da solicitude de axuda. Considerarase que non se cumpre esta condición cando unha persoa no momento da solicitude figure de alta no RETA cunha antigüidade superior a un ano ou detente unha participación igual ou superior ao 25% noutra sociedade mercantil.
 
Investimentos e/ou gastos computables
 
1.- Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido consideraranse integrados na base subvencionable os conceptos seguintes:
 
a) Investimentos realizados en:
 
i. Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos de custo subvencionable que se achegan como anexo VI.
ii. Bens de equipamento: maquinaria de proceso, utensilios, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. Nos sectores do transporte e loxístico non serán subvencionables os elementos de transporte exterior.
iii. Outros investimentos en activos fixos mobiliarios.
iv. Investimentos en inmobilizado inmaterial: aplicacións informáticas, gastos de investigación e desenvolvemento; propiedade industrial e intelectual, podendo incluír licenzas de fabricación, patentes e o canon fixo de franquías no seu primeiro ano.
 
b) Gastos de aprovisionamentos de materias primas, produtos terminados ou servizos de profesionais independentes necesarios para vender un produto ou servizo. Podendo representar ata o 10% do proxecto subvencionado total.
 
c) Os gastos de aluguer de bens inmobles, ata un prazo máximo dun ano.
 
d) Os gastos do informe de auditoría.
 
2.- Serán subvencionables os custos realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos de cumprimento de todas as condicións da subvención.
 
Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.
 
3.- Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
 
4.- O investimento en inmobles terá que ser mantido no centro de traballo en Galicia durante polo menos 5 anos dende a finalización do prazo de execución do proxecto e resto do investimento e o emprego tido en conta na concesión polo menos 3 anos desde a finalización do dito prazo. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.
 
5.- No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas as condicións establecidas no artigo 6.5 das bases reguladoras
 
6.- Non se subvencionarán os gastos e/ou investimentos cuxo importe sea superior ao indicado no anexo VI destas bases reguladoras.
 
7.- Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente os investimentos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.
 
8.- Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán xuntarse ao cuestionario de solicitude, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.
 
9.- Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.
 
10.- Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.
 
11.- En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
 
Contía das axudas
 
A intensidade de axuda concedida establécese entre un mínimo dun 15% dos gastos subvencionables e un máximo do 50%.
 
Segundo o tipo de gasto subvencionable, a intensidade da axuda concedida non poderá superar:
 
Para os gastos de investimento:
 
a) Como regra xeral:
- Ata o 40% para medianas empresas.
- Ata o 50% para pequenas empresas.
- Ata o 30% para empresas do sector do transporte.
 
b) Axudas ao investimento no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, ata o 50%.
 
Para os gastos de aluguer a pequenas empresas de recente creación do artigo 14 do Regulamento(CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías; ata o 35 % dos custos subvencionables.
 
Para os gastos de auditoría do artigo 26 do regulamento(CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías; ata o 50 % dos custos subvencionables.
 
No caso das axudas outorgadas en réxime de minimis aos gastos de aprovisionamento e os gastos de aluguer de bens inmobles concedidos a beneficiarios que superen os límites de pequena empresa, comprobarase que as axudas totais concedidas en réxime de minimis a estes beneficiarios non superarán os 200.000 € no exercicio corrente e nos dous exercicios anteriores. O límite máximo de axuda total de minimis redúcese a 100.000 € para as empresas que operen no sector de transporte por estrada.
 
Respectando os límites establecidos para cada tipo de gasto, a intensidade de axuda concedida establécese entre un mínimo dun 15% dos gastos subvencionables e un máximo do 50%. A dita intensidade da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula: 15+35×(puntos obtidos/100) da puntuación obtida coa aplicación dos criterios establecidos nas bases reguladoras.
 
Prazo de presentación de solicitudes
 
O prazo de presentación de solicitudes da primeira convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de outubro de 2013.
 
Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
 
Incompatibilidades
 
Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con fondos ou instrumentos da UE, agás coas axudas ou programas de carácter financeiro: como subsidiación ao tipo de xuro, microcréditos, garantías ou préstamos directos.
 
Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nestas bases.
 
Información e tramitación en:
 
Información nas oficinas territoriais do IGAPE e a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47.
 
Tamén a través de www.igape.es ou en informa@igape.es