As empresas de Galicia están entre as que más empregan tecnoloxías disruptivas en España

Máis do 21% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora Intelixencia Artificial a produtos ou servizos. Así o recolle o informe “Galicia Dixital. Tecnoloxías disruptivas nas empresas” que vén de ser publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA).

Intelixencia Artificial

A súas aplicacións son múltiples: sanidade, educación, agricultura, transporte, fabricación, enerxía. No 2021, o 7,6% das microempresas galegas utilizan Intelixencia Artificial, superando en 4 puntos porcentuais a media estatal (3,5%). No caso das empresas de 10 ou máis persoas empregadas, a porcentaxe sitúase no 10,2%. O 16,6% das empresas TIC emprega a realidade virtual e o 13,8% a Impresión 3D.

Internet das Cousas (IoT)

O Internet das Cousas (IoT) configúrase como unha tendencia tecnolóxica centrada en conectar elementos físicos cotiáns a Internet. Os dispositivos interconectados poden ser monitorizados ou controlados a través de internet ou servir como instrumentos para recollida de información. Pode aplicarse a dispositivos de control de enerxía, seguridade e mobilidade ou a elementos para atención e control da saúde, da produción, da calidade e a trazabilidade de produtos e procesos.

O 26,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas con sede e/ou actividade en Galicia emprega dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente. Nas microempresas o uso desta tecnoloxía acada o 9,1% e supera a media estatal (8,1%). No caso das empresas TIC galegas, o IOT é a tecnoloxía disruptiva con máis presenza neste sector empresarial (34,2%). Entres as empresas TIC que empregan IoT, os sensores, etiquetas RFID ou IP, cámaras para a mellora do servizo (54,2%) e os medidores, lámpadas e termóstatos intelixentes (50,2%) son os máis frecuentes.

Big Data

O Big Data xera profundos cambios sociais e económicos así como novas oportunidades e modelos de negocio e no 2021 increméntase a porcentaxe de empresas galegas que analizan Big Data. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados, onde a análise de Big Data sitúase no 13,8%, 2,7 puntos máis que a media estatal. Esta porcentaxe elévase ata o 22,5% entre as empresas TIC galegas. Ademais, entre as empresas TIC que utilizaron Big Data, o 34,4% empregou o método de aprendizaxe automática ou machine learning.

Cloud Computing, Intelixencia de Negocio, Chatbots e Robótica

Esta é unha das tecnoloxías disruptivas que máis rapidamente se incorporou á xestión empresarial. En 2021 a compra de servizos de Cloud Computing aumentou nun 66,6% nas empresas de 0 a 9 persoas asalariadas. Cómpre salientar que, entre o sector TIC galego, o 28,7% usa servizos Bussiness Inteligence e o 24,2% emprega Chatbots. A utilización de Robótica nas empresas TIC galegas aínda é incipiente: só o 8,8%.

Fonte: ECO