Galicia creou en 2020 o 28% das biotecnolóxicas españolas

Galicia creou o 28% das empresas biotecnolóxicas nacidas en 2020 en España e consolídase como a segunda comunidade máis bioemprendedora, segundo destacou o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). Explica que a biotecnoloxía galega consolida cada ano os seus rexistros e “afiánzase como un referente no ranking de comunidades bioemprendedoras”. Así, en 2017 era a cuarta comunidade en creación de empresas e en 2018 escalaba á terceira posición. “Xa en 2019 empolicábase no segundo posto, aínda que igualada ao País Vasco”, engade, para matizar que en 2020 sitúase como a segunda comunidade autónoma que máis empresas biotecnolóxicas creou, dez en total.

Posición competitiva

Estes datos, explica Bioga, inclúense no “Informe Asebio (Asociación Española de Bioempresas) 2020”. Este traballo “deixa claro que cada ano Galicia mellora a súa posición competitiva no ámbito do bioemprendemento respecto de comunidades con maior dinamismo” na iniciativa biotecnolóxica.

O “Informe Asebio 2020”, engade Bioga, “ratifica cada ano a solidez do ecosistema biotecnolóxico de Galicia, que continúa a ser unha das comunidades máis activas en creación de empresas”. O pasado ano Galicia rexistrou o nacemento de dez compañías biotech, das 56 rexistradas en toda España. Deste xeito, Galicia é a sexta comunidade autónoma en número total de empresas biotecnolóxicas activas, 46 entidades, un 5,82 por cento do total.

A facturación media das empresas bio de Galicia sitúase nos 7,2 millóns de euros e só é superada polas de Cataluña (33,2 millóns), Madrid (22,3), Aragón (19,8) e Cantabria (16,6).

Fonte: El Ideal Gallego