A firma AMSlab investiga un test de diagnóstico rápido e uso doméstico

A I+D+i lucense tamén se suma á fronte para combater esta pandemia. A biotecnolóxica AMSlab está a investigar o desenvolvemento dun kit de diagnóstico rápido do Covid-19 e de uso doméstico para centros de saúde e asistenciais.
 
Este test, segundo asegura o director xeral deste grupo empresarial asentado no polígono industrial de O Ceao, Manuel Lolo, poderao empregar “calquera persoa”, xa que “non se requirirán coñecementos técnicos, nin equipamento sofisticado para realizalo e coñecer o seu resultado”.
 
Outra das vantaxes que ofrecerá este kit de detección rápida por colorimetría -procedemento de análise química fundado na medida da intensidade da cor das disolucións- é que se poderá usar “en calquera lugar e en calquera condición”.
 
Ademais, AMSlab, a través das súas filiais Xenotechs e Cifga, traballa para desenvolver outro test, tamén como o anterior a partir de análises xenéticas, para que sexa utilizado en laboratorios. Neste caso este kit, segundo explica a compañía lucense, baséase na reacción en cadea da polimerasa (PCR), que permite amplificar pequenos fragmentos de ADN para identificar ao novo coronavirus.
 
Unha terceira liña de investigación, que leva a cabo a súa filial AMSbiopharma, consiste en explorar o uso da proteómica -estudo a grande escala da estrutura e función das proteínas- para poder realizar un seguimento do tratamento a pacientes que dean positivo no Covid-19.
 
Máscaras
 
O grupo lucense, que forma parte do clúster galego Bioga, investiga así mesmo nun novo tecido lavable a alta temperatura para confeccionar máscaras de tea reutilizables, segundo explica Manuel Lolo, co fin de “alongar a vida útil” deste material e para contribuír así a facer fronte aos problemas de abastecemento deste medio de protección.
 
O seu director xeral asegura que ante “esta situación sen precedentes” AMSlab “traballa intensamente en desenvolver novas solución” que porá a disposición das administracións para que “axuden a mitigar o impacto do coronavirus sobre a poboación”.
 
Fonte: El Progreso