Investigadores do Ciqus avanzan no desenvolvemento de novos nanomateriais

Investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) conseguiron sintetizar diversas 'periferias' para os polímeros helicoidais, moléculas xigantes que posúen múltiples propiedades en nanociencia. ¿Cal é a importancia deste logro? Basicamente, o descubrimento deste pasamáns, cun aspecto parecido ás escaleiras de caracol, dá novas pistas no seu coñecemento e utilidade grazas ás modificacións estruturais introducidas. 

Para os legos na materia, esta liña de investigación, aberta no Ciqus fai case unha década, supón un avance no desenvolvemento de novos nanomateriais que mediante a combinación de distintas propiedades (ópticas, condutoras, magnéticas, encapsulantes...), dean lugar a nanocápsulas e outros nanocompostos con comportamento multifuncional.

"Coñecer ao detalle a estrutura dos polímeros helicoidais revelouse como unha das claves para abordar o deseño de novas aplicacións baseadas na disposición tridimensional destes, polo que o traballo actual resulta de grande importancia de cara ao deseño de novos sensores e catalizadores, entre outros", sostén Emilio Quiñoá, coautor do estudo e investigador principal do Ciqus. 

O traballo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (Ciqus) foi recentemente publicado na prestixiosa revista Angewandte Chemie e supón un salto cualitativo no estudo estrutural dos polímeros helicoidais. 

O grupo que dirixen Félix Freire e Emilio Quiñoá, e no que se integra tamén Esteban Suárez, é pioneiro na síntese de novas nanoestruturas quirais seguindo novidosas formulacións e único en Europa no estudo deste tipo de sensores poliméricos. 

Ata a data publicou outros resultados relacionados en revistas de alto impacto como Journal of the Chemical Society e Chemical Science, enfocados ao desenvolvemento de sensores a partir de polímeros intelixentes capaces de responder a estímulos externos. 

"Estas macromoléculas presentan como principal característica que o seu sentido de xiro helicoidal pódese axustar pola acción de diversos estímulos externos tales como temperatura, polaridade ou ións metálicos. En consecuencia, estes polímeros actúan como sensores. Como resultado, obtéñense nanoestruturas quirais con diferentes formas e, no seu interior, pódense encapsular diversas substancias orgánicas e inorgánicas", explica Félix Freire, tamén investigador principal do CiQUS e primeiro firmante do último paper publicado, "un camiño que está xerando grandes expectativas e que seguiremos explorando desde o CiQUS", apunta. 

Nacido en 2011, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares foi o primeiro dunha rede de centros cun novo modelo de organización e funcionamento, que constituíu o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto Campus Vida da USC. O centro conta hoxe coa acreditación como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) e o apoio da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Química, Bioloxía e Materiais 

Desenvolve a súa investigación no ámbito da Química en conexión coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais, promovendo o avance da ciencia na fronteira do coñecemento entre a química sintética, a bioloxía celular e os materiais funcionais. O seu obxectivo é a formación de novos científicos, profesionais e futuros líderes, creando progreso socioeconómico, transferencia tecnolóxica e contribuíndo ao prestixio internacional da USC e, por extensión, do talento galego. 

Fonte: El Correo Gallego