Premio para os nanosatélites e os biodeterxentes da Universidade de Vigo

A Real Academia Galega de Ciencias, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, acaba de outorgar os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2019 a dous grupos de investigación das universidade de Vigo e Santiago e tamén a unha spin-off do campus olívico.

Estes premios están promovidos para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente de organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns entregaranse nunha cerimonia que terá lugar o 11 de decembro. Están dotados con 6000 euros.

O premio "Fernando Calvet Prats" será para o grupo de investigación EQ10 da Universidade de Vigo por presentar o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial. O equipo gañador descubriu a presenza de biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da industria do millo, con aplicacións en produtos e solucións para os ámbitos cosmético, farmacéutico, agroquímico e ambiental.

Pola súa parte, a spin-off da Universidade de Vigo Alén Space será a galardoada co premio "Ricardo Bescansa Martínez" como o mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. A súa aposta temperá pola fabricación de nanosatélites permítelles estar ben posicionados nun mercado que se prevé que alcance os 5200 millóns de euros no ano 2021.

Por último, o grupo Photonics4Life da USC leva o premio "Francisco Guitián Ojea” polos seus modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos. A construción do prototipo dun vaso sanguíneo é un exemplo claro das posibilidades desta tecnoloxía. Ter un modelo 3D destas características permite o cultivo celular nas súas paredes para estudos preclínicos no laboratorio sen experimentación animal.

(Fonte: Faro de Vigo e USC)