O campamento de verán de Tecnópole abre o seu prazo de inscrición

Parque Tecnolóxico de Galicia acaba de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición do único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia. Os Tecnópole Technological Workshops (T2W) chegan á súa sétima cita anual o próximo mes de xullo e a inscrición xa está aberta.

O campamento terá lugar entre o 1 e o 12 de xullo en horario de mañá e tarde e estará dirixido a 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. Todos os participantes traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posible, o programa incluirá nocións sobre programación e robótica, novas tecnoloxías, deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, creatividade, biotecnoloxía, etc.

O mellor proxecto desenvolvido polos alumnos e alumnas durante o campamento terá asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, dentro dun ano. Iria González, seleccionada no campamento tecnolóxico do ano pasado, resultou ganadora do terceiro premio de Galiciencia hai só uns días, cun proxecto no que demostra que a aparente base de azar do programa de televisión "The Wall" é falsa.

Aínda que a inscrición está aberta a estudantes de toda Galicia sen restricións, a proximidade xeográfica recomenda a actividade para persoas que residen ou mesmo que pasan o verán na provincia de Ourense.

As actividades do campamento están deseñadas en función das idades dos participantes. En calquera caso, os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización.

Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se van desenvolver na academia, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible, integradora e adaptada a cada tipo de idade.

Espírito de equipo

Todas as actividades se desenvolverán en equipo, mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade, aos que se estimulará para conseguir a organización interna que lles permita desenvolver habilidades sociais a través da discusión dos proxectos, fomentando ao mesmo tempo o respecto entre os compañeiros e o traballo en equipo.

Dado que se trata dunha actividade integrada no tempo de vacacións dos participantes, tratarase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practicarán actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación na piscina de Tecnópole.

O custo por participante será de 290 euros con todo incluído, dende o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense ata a comida e todas as actividades, como a conversación en inglés durante a hora do xantar.

Máis información e inscricións.