Unha start-up británica fabrica robots accesibles para pemes por 5800 euros

En novembro do ano pasado Eva empezou a traballar en Qualitetch, un fabricante inglés de compoñentes metálicos. Os enxeñeiros da empresa esperaban intrigados a súa chegada, a pesar de que o traballo que tiña que realizar Eva era moi monótono: cargar láminas de metal nunha cinta transportadora.

Por suposto, Eva non é unha empregada común e corrente, senón un robot colaborativo ou cobot. Vale 5000 libras (ao redor de 5800 euros), bastante menos que os seus competidores, polo que é accesible para pequenas empresas como Qualitetch, que ten 38 empregados e uns ingresos de 3 millóns de libras. Alex Craig, propietario de Qualitetch, sinalou que "levaba máis de 12 meses esperando isto". Foi a súa primeira oportunidade de introducir unha verdadeira automatización na fábrica.

Segundo RobotWorx, unha empresa que vende robots novos e usados, un robot industrial adoita custar entre 50.000 e 80.000 dólares. Craig di que "como temos só unha quenda, para nós un robot como eses non é práctico nin económico, pero si que podemos gastar cinco mil libras nun". Automata, a compañía británica que creou Eva, fundouse en 2015 partindo da idea de que miles de pemes pensarían igual que Qualitech, e desta forma abriu un nicho de mercado totalmente novo.

"Actualmente a industria automobilística segue representando entre o 40% e o 50% do mercado da robótica, pero estanse a abrir moitos mercados novos", afirma Suryansh Chandra, cofundador de Automata. Os cobots inventáronse a finais da década dos noventa e convertéronse nun elemento habitual das liñas de produción das grandes empresas. Por exemplo, Bosch Siemens Hausgeräte (BSH) ten en Dillingen, Alemaña, a fábrica de lavalouzas máis grande de Europa. Dende 2016 utiliza robots flexFellow do fabricante alemán Kuka para realizar tarefas monótonas consideradas "ergonomicamente incómodas" para as persoas.

Os robots collen parafusos e logo úsanos para fixar un dispositivo de bombeo no fondo dunha lavalouza. BSH instalou os robots nas súas sete liñas de montaxe sen necesidade de modificalas. Segundo un estudo de Markets and Markets, o crecemento do mercado de cobots na próxima década será do 50% anual, de 710 millóns de dólares en vendas en 2018 a 12.300 millóns en 2025. O estudo tamén indica que o investimento en cobots é moi rendible e que máis empresas os utilizarán a medida que as melloras no software fagan que as máquinas imiten mellor o comportamento humano.

Brazos robóticos

Kuka é un dos líderes na materia, aínda que é máis coñecido polos seus brazos robóticos, presentes nas fábricas de Tesla ou BMW. Outro é o danés Universal Robotics (UR), pioneira en cobots. Fundada en 2005, foi comprada unha década despois por Teradyne por 285 millóns de dólares. Para o momento no que se realizou a compra, UR xa vendera 4000 unidades de robots colaborativos.

Automata enfróntase a unha importante competencia. A start up estase a dar a coñecer e vendeu os seus primeiros produtos a principios de ano. A finais de 2019 espera aumentar a súa produción de "decenas a centenares ao mes", asegura Mostafa Elsayed, cofundador. Nin el nin Chandra cren que as grandes empresas sexan as súas rivais. "Cando pensamos na competencia, non pensamos en Kuka", recoñece Elsayed. "Fixeron un traballo estupendo nos inicios da robótica, pero os seus produtos non están dirixidos aos nosos clientes", engade. O seu nicho son as compañías con menos de cen empregados que queren automatizar as súas tarefas pero que ata agora non se puideron permitir. Aínda que é menos sofisticado que outros produtos do mercado, o atractivo do robot de Automata, Eva, é que é máis barato e que o seu software é doado de usar.

Configurar e programar

Eva é tan sinxelo que mesmo hai un vídeo en YouTube que se fixo moi popular. "En total, en todo o proceso non se tardan máis de dúas horas, e a programación non leva máis de dez minutos", explica Craig. Outras empresas de robótica, explica Elsayed, céntranse en facer que os seus produtos sexan máis rápidos e máis intelixentes.

Pero o que Elsayed quere en realidade é que os usuarios que non son expertos en robótica sexan capaces de aprender de forma máis intuitiva en lugar de ler un manual: "parécese máis á primeira vez que usamos un iPhone. Imos aprendendo pouco a pouco a medida que imos experimentando", explica.

En Automata afirman que puideron simplificar as operacións porque practicamente todo é de fabricación propia, dende o desenvolvemento do software ata a mecanización dos compoñentes que transmiten enerxía ao robot. "Automatizan mesmo a súa produción para que sexan os robots os que fabriquen máis robots", explica Chandra. "Apréndese moito máis sobre o que se fai cando un mesmo se converte no seu propio cliente", conclúe.

(Fonte: Expansión)