Gamificación: xogar a un rallye ou a escalar o Everest, a nova fórmula para mellorar as vendas

"Hai uns tres anos, todo o que era gamificación aplicado ás vendas era moi novidoso, non había case nada. Pero atopamos Playmotiv e empezamos a traballar con eles. Dende entón, aquilo que empezou como unha proba estendeuse como unha actividade máis da empresa grazas á cal melloraron as nosas cifras de distribución e vendas e a motivación e engadgment dos nosos traballadores", explica Lluís Costa, IT Director de Mars Iberia.

Playmotiv naceu hai dous anos como un spin off da compañía de software Bracnoria para ofrecer ás empresas opcións de gamificación para potenciar os equipos comerciais. ¿Que é gamificar? Este termo que non aparece na Real Academia Española fai referencia ao emprego de técnicas propias de xogos en contextos que non son propios dos xogos, orientadas a motivar as persoas cara a obxectivos concretos.

No caso de Mars, Playmotiv deseñou historias para os seus traballadores. "Creáronnos rallyes ou un xogo de piratas do Caribe, entre outros, todos con temáticas que meten ao xogador dentro dun mundo no que, por exemplo, es piloto e tes que ir superando etapas", expón Costa.

O que ve o usuario é unha aplicación na que ir mellorando día tras día, pero por detrás hai unha parte moi potente de administración e métricas que se traduce en que Mars ten máis información sobre como vai a compañía en distribución e vendas e uns empregados máis comprometidos. Esta motivación conséguese porque os traballadores van vendo as súas puntuacións nun ránking e a súa posición respecto aos seus compañeiros, o que xera un extra de nivel de esforzo para non rematar o último.

Bonificacións

"Ademais, ese esforzo recoñécese con diñeiro, pois os primeiros da clasificación (entre un 60 e 70% dos xogadores) reciben unha bonificación en forma de cheque para Amazon", explica Luís Costa.

Con máis de 150 partidas realizadas ata o momento, Playmotiv asegura que as compañías que traballaron coa súa plataforma aumentaron as vendas un 16%, a produtividade creceu un 17% e a rendibilidade un 21%. Pola súa banda, o absentismo nos equipos de traballo que empregan as ferramentas de gamificación de Playmotiv redúcese un 70%.

Ademais de con Mars, Playmotiv traballa con Danone e recentemente asinou outro acordo con outro xigante da alimentación.

(Fonte: Expansión)