O volante que alerta os condutores fatigados

A fatiga é un dos grandes perigos ao volante. Segundo datos da DGT, entre un 20 e un 30% dos accidentes de tráfico está relacionado cos problemas derivados do cansazo. Trátase dunha cifra elevada, tendo en conta que a maioría dos condutores experimentou un episodio de fatiga. Co obxectivo de diminuír as estatísticas, un equipo de investigación da Universidade de Aveiro (Portugal) desenvolveu unha funda de volante que "conecta" coa pel do condutor, supervisando os signos vitais do condutor e avisando, en caso de fatiga, que é hora de parar e descansar.

A principal innovación é que os sensores, a xeito de eléctrodos, se integraron mantendo o aspecto, a flexibilidade e o tacto do tecido dun volante convencional. Isto conseguiuse grazas ao uso de grafeno, material que destaca pola súa condutividade e que cobre todo o mando do vehículo.

Os devanditos dispositivos electrónicos rexistran a resposta galvánica da pel con tan só o contacto das mans, indicando o estado psicolóxico e fisiolóxico dos individuos, así como posibles alteracións relacionadas cos patróns do comportamento humano. O sistema ofrece a información en tempo real, grazas a algoritmos creados polo Instituto Superior Técnico e de Telecomunicacións de Lisboa.

Notificacións ao condutor

Helena Alves, responsable do equipo de investigación da UA, explica que "o prototipo transmite os datos vía bluetooth, o que permite a emisión de notificacións, por exemplo, para un teléfono móbil ou smartwatch". A coordinadora do proxecto prevé que, nun futuro próximo, "será posible converxer en escenarios nos que o sistema está conectado directamente ao vehículo e é o propio ordenador da bordo o que presente as notificacións ou altere o seu comportamento.

"O estrés é efectivamente un perigo potencial na estrada. Non obstante, os principais riscos que se pretenden previr con este traballo son as distraccións e, en especial, a fatiga ao volante ", detalla a investigadora.

Neste sentido, "os sistemas que contribúan a avaliar o estado dos condutores, no que se refire ao cansazo e outros parámetros biomédicos, poden ter un gran valor engadido en seguridade viaria". A estes sistemas, destaca Alves, "pódense adaptar outras medidas de seguridade adicionais, tales como retroacción en forma de audio ou vibracións para recuperar a atención do condutor ou mesmo provocar a inmobilización do vehículo".

O compoñente electrónico que analiza o sinal que recolle o grafeno xa se pode adquirir online. O obxectivo a medio prazo é comercializar o produto, segundo Helena Alves, mediante, por exemplo, algún acordo con empresas relacionadas co sector da automoción. Moitas empresas tanto de Portugal como de terceiros países xa se puxeron en contacto para interesarse por esta tecnoloxía, concluíu a científica lusa.

(Fonte: El Mundo)