Convocatoria de 17 millóns de euros para impulsar a innovación en detección e imaxe en Europa

A pioneira iniciativa ATTRACT abre unha convocatoria de proxectos de 17 millóns de euros para crear un ecosistema de innovación europeo que acelere o desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas e o seu impulso ata os mercados.

A iniciativa, da que o European Southern Observatory (ESO) é socio, financiará 170 ideas innovadoras en detección e imaxe con potencial de mercado e ten como obxectivo crear produtos, servizos, empresas e postos de traballo baseados en novas tecnoloxías de detección e imaxe.

Para activar a innovación disruptiva, o proxecto ATTRACT comprometerá 17 millóns de euros como fondos destinados a 170 proxectos que desenvolvan ideas innovadoras en tecnoloxías de detección e imaxe en Europa.

ESO constrúe e opera un conxunto de telescopios astronómicos terrestres dos máis avanzados do mundo, os cales se basean en tecnoloxías de detección e imaxe de última xeración.

"O proceso que permite converter nova ciencia en tecnoloxías que xeren avances innovadores a miúdo ten lugar por casualidade. ATTRACT pretende crear e implementar mecanismos e unha canle permanente para lograr esta transformación de forma sistemática", afirma Henry Chesbrough, asesor especial de ATTRACT que no seu día acuñou o termo "innovación aberta". "En contraste coa innovación incremental, que xera respostas adaptativas ou reactivas a un problema, os avances innovadores están impulsados polo desexo de anticiparse a novas ou futuras necesidades".

A convocatoria de fondos de ATTRACT está aberta a investigadores e emprendedores de organizacións de toda Europa ata o 31 de outubro de 2018. Un comité independente de alto nivel en I+D+I avaliará as propostas e seleccionará aquelas que serán financiadas baseándose nunha combinación de mérito científico, capacidade innovadora e potencial impacto social. A lista de propostas seleccionadas darase a coñecer a principios do 2019.

Un ano para o desenvolvemento

Os 170 proxectos innovadores financiados por ATTRACT terán un ano para desenvolver as súas ideas. Durante esta fase, expertos de empresas e innovación do Consorcio do Proxecto ATTRACT da Universidade Aalto, EIRMA e ESADE Escola de Negocios axudarán aos equipos dos proxectos a explorar como pode transformarse a súa tecnoloxía disruptiva en avances innovadores cun forte potencial de mercado.

Moitos dos avances científicos, as aplicacións técnicas, os produtos que comercialmente valen a pena e as empresas dirixidas aos desafíos sociais emerxentes dependen, en certo modo, das tecnoloxías de detección e imaxe. As innovacións disruptivas que se xeren en ATTRACT desencadearán transformacións que terán un impacto real na vida das persoas.

Algúns exemplos de aplicacións futuras para a sociedade poderían incluír: escáneres portátiles para tratamento ambulatorio; sensores para axudar ás persoas con discapacidade visual a moverse polo mundo máis doadamente; redes de sensores para facer a agricultura máis produtiva cun menor consumo enerxético; un uso máis intelixente do seguimento e análises dos datos (big data) para facer que as fábricas funcionen de forma máis eficiente; mellores formas de aprendizaxe en liña; e novas formas de monitorizar con precisión o cambio climático.

(Fonte: European Southern Observatory)