Biocryptology: unha app para acabar co roubo de identidade

O 7% dos usuarios españois sufriu algún roubo de datos persoais no último ano, segundo datos da oficina estatística da Unión Europea, Eurostat. Trátase de case o dobre da media comunitaria, situada no 4%, e sitúa a España á cabeza dos países máis afectados por este tipo de fraude.

A forma máis común de suplantar a identidade dun usuario é accedendo ao seu contrasinal. Basta con observar os casos de MySpace ou LinkedIn, entre outros, que nos últimos anos foron obxecto de ataques informáticos que ocasionaron a filtración de decenas de millóns destas claves.

Co obxectivo de pór freo a esta sangría de información persoal, Biocryptology lanzou unha plataforma de identificación biométrica que aspira a converterse no estándar de identificación en liña e física para 2025. "Estamos seguros de que podemos lograr este obxectivo. Creamos unha ferramenta versátil e que serve para todo tipo de sectores, empresas e usuarios", sinala Ted Oorbals, director xeral de Biocryptology.

Contrasinal

O funcionamento é sinxelo. Basta con descargarse a aplicación, darse de alta cun correo electrónico, un número de teléfono e os datos biométricos do usuario: a súa pegada dactilar e o recoñecemento facial do seu rostro. A compañía promete acceso seguro ao correo electrónico, a nube e mesmo a banca en liña e as plataformas de comercio electrónico. Tamén a recintos físicos como estadios ou oficinas.

Todo co obxectivo de acabar co uso dos inseguros contrasinais. A compañía ofrece tamén un lector de impresións dixitais portátil para garantir totalmente a seguridade. Ambos os elementos foron desenvolvidos por un equipo da compañía en Madrid.

No que respecta á integridade dos datos , desde Biocryptology aseguran que almacenan e encriptan a información para que non poida ser hackeada. "Almacenamos anacos de pegada de cada usuario e non información valiosa", explica Oorbals.

A compañía conta con acordos para implementar a súa tecnoloxía con máis de 15 empresas da lista Forbes, aínda que non revelan os seus nomes. Entre estas firmas atoparíanse varios bancos internacionais. En España, Biocryptology traballa coa plataforma dixital de negocios Magnolia.

Nestes momentos, a compañía negocia unha rolda de financiamento de entre 5 e 20 millóns de euros coa que financiar os seus ambiciosos obxectivos.

(Fonte: Expansión)