Tecnópole acolle a primeira experiencia de iniciación no voo de drons para todos os públicos

Tecnópole acollerá o próximo 11 de xaneiro a primeira experiencia de iniciación no voo de drons profesionais dirixida a todos os públicos que se realiza en Galicia. Durante unha formación teórico-práctica de oito horas, os participantes poderán coñecer e manexar os mesmos equipos utilizados nas gravacións de series como "El Príncipe" ou "El final del camino", unha produción de RTVE que se emitirá en 2017.

A empresa Aerocámaras, acabada de instalar en Tecnópole, será a encargada de introducir os asistentes nos coñecementos básicos necesarios para voar drons profesionais. Esta será a primeira experiencia formativa que se imparta no Parque Tecnolóxico de Galicia despois de que o recinto fose autorizado pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para acoller prácticas de voo de avións non tripulados.

Na parte teórica, os alumnos recibirán coñecementos xerais sobre lexislación, diferentes modelos de drons e as súas utilidades e nocións básicas de voo, entre outros temas. Posteriormente, no campo de voo, realizarán exercicios titorizados polos docentes expertos.

A cota de participantes está limitada a 25 para garantir unha formación participativa. A inscrición está aberta na web de Tecnópole ata o 9 de xaneiro.

Aerocámaras é unha empresa galega con ampla experiencia no sector como operadora de drons pioneira en España, ao ser a primeira autorizada pola AESA. Ás súas escolas de pilotos repartidas por oito provincias españolas, suma a realización de proxectos en oito países. En España, participou en proxectos audiovisuais de Mediaset, TVE e Atresmedia e impartiu formación en colaboración con varias universidades, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.

(Fonte: Tecnópole e Aerocámaras)