Egatel participa nas primeiras transmisións de TDT na rexión dos Andes de Chile

A empresa Egatel, con sede en Tecnópole, foi un dos provedores principais na posta en marcha das transmisións de televisión dixital terrestre (TDT) na rexión dos Andes de Chile.

Egatel achegou un Transmisor UHF de Televisión Dixital Terrestre de 300 W para a norma ISDB-Tb, modelo TE9301, e colaborou na súa posta en marcha. Desta forma a empresa galega realizou unha importante contribución ao labor da Secretaría de Telecomunicacións do Goberno de Chile no actual proceso de dixitalización da televisión no país, permitindo dar a coñecer as vantaxes da TDT fronte á televisión analóxica convencional, nun momento no que se está a rematar de lexislar a súa implantación.

Segundo informa a empresa, o modelo e potencia do transmisor seleccionouse tendo en conta un deseño de rede baseado en equipos compactos de media potencia. Esta é a configuración óptima para implantar a TDT ao longo da extensa xeografía do país.

A cerimonia de inauguración da TV Dixital de libre recepción na rexión dos Andes tivo lugar o pasado mes de decembro.

Egatel é o principal provedor de sistemas de televisión dixital en España, cun 55% do mercado nacional. O seu proceso de internacionalización dura xa dez anos e permitiulle alzarse co liderado do mercado marroquí. Ademais da fábrica radicada en Ourense conta con oficinas comerciais e delegacións en Madrid, Finlandia, Arxentina, Chile e México. Dende elas abriu xa negocio en 25 países e está a tratar de entrar no mercado asiático.

(Fonte: Egatel)