Galicia captou o 40% dos fondos tecnolóxicos da UE para España

Entre as dúas convocatorias do Programa Interconecta, Galicia logrou captar 210 millóns de euros para proxectos innovadores que mellorarán a capacidade competitiva das 400 empresas beneficiarias. Esta cifra supón o 40% dos fondos europeos de Interconecta para España.

O presidente da Xunta resaltou este dato na presentación das Oportunidades de financiamento 2013-2015 para proxectos estratéxicos universidade-empresa e de tres iniciativas, unha de cada universidade galega, que supoñen a execución de 19 millóns. O xefe do Executivo apuntou que Galicia esgotou practicamente o 100% dos fondos Europeos dos que Galicia podía dispoñer no período 2007/2013, que levaban consigo cofinanciamento español e galego.

Feijóo fixo referencia aos proxectos cuxo alcance explicaron os tres reitores galegos: A-tempo, da Universidade da Coruña, dirixido a mellorar a competitividade do naval, especialmente no ámbito do off-shore; o Táctica, de Vigo, no ámbito da enxeñería da telecomunicación; e o desenvolvido pola USC, LaserPet, que pretende a consecución de radiotrazadores de imaxe médica, que ampliará o catálogo das enfermidades que se beneficiarán desta tecnoloxía.

No acto interveu tamén a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, que citou os catro piares da estratexia española de ciencia e tecnoloxía: o talento, as persoas; a xeración de coñecemento, ciencia básica; o liderado empresarial, que considerou "a maior deficiencia"; e a transferencia dese coñecemento para resolver os problemas e retos da sociedade.

Vela dixo que "en Galicia se están a facer as cousas ben" e é unha comunidade en que se realiza un "bo uso" do financiamento, unha apreciación que -dixo-: "non llelo dicimos a todos". A secretaria de Estado concluíu que o momento é "moi difícil", pero agregou que é posible que non se saia da crise pola ciencia, pero, con seguridade, se sairá coa ciencia.

O presidente da Xunta, que pechou o acto, expresou a súa satisfacción pola "excelente relación" das universidades galegas coa innovación, tuteladas polas administracións central e autonómica, como elementos fundamentais para transformar a sociedade e mellorar o benestar e a economía da sociedade.

Do proxecto no ámbito da saúde, que lidera a USC, dixo que se trata dun campo que é "primeira preocupación" do Goberno e vai na dirección de hospitais cada vez con máis tecnoloxía e menos camas. Tamén subliñou o carácter estratéxico do naval, no que incide o proxecto coruñés, e aproveitou para comentar que o recente acordo de Pemex con Barreiras é "un halo de esperanza e unha bafarada de optimismo para o sector naval privado da ría de Vigo".

(Fonte: Innovamás)