Aimen traballa no desenvolvemento dun robot autónomo que permitirá aumentar a produtividade da industria naval

O centro tecnolóxico Aimen coordina o proxecto CARLoS, unha iniciativa europea de I+D+i orientada a desenvolver un robot móbil capacitado para realizar tarefas arduas e repetitivas, en cooperación con operarios humanos, nun ámbito industrial amplo e pouco estruturado. A viabilidade deste dispositivo, que poderá ser de grande utilidade para facilitar procesos no sector da construción naval, concretamente para a realización de traballos previos á habilitación de buques (colocación de illantes, instalación eléctrica, etc.), demostrarase en estaleiros galegos.

O proxecto CARLoS (acrónimo de 'CooperAtive Robot for Large Spaces Manufacturing' - Robot cooperativo para grandes espazos de fabricación) ten como obxectivo crear un robot capaz de asumir o 60% das operacións de marcado e colocación de pezas específicas (bulóns auto soldables) na superestruturas dos navíos, tarefas que actualmente son realizadas de forma manual. Con iso, preténdese aumentar a produtividade dos estaleiros grazas á mellora tecnolóxica do proceso e ao incremento da cualificación dos operarios.

Retos tecnolóxicos

O principal reto desta innovadora iniciativa é deseñar un sistema de marcado, posicionamento e soldadura de bulóns auto soldables, que se integrará nun robot móbil capacitado para navegar de forma autónoma seguindo, ben indicacións xestuais ou instrucións por voz dun operario ou información transmitida en deseños CAD. Para a súa programación, empregaranse ferramentas software de código aberto e potenciaranse as habilidades do propio robot, en lugar de utilizar rutinas típicas dos robots industriais.

Outro dos desafíos que afrontará o proxecto CARLoS é o emprego de tecnoloxías como a mecatrónica ou a visión artificial, nas que Europa é punteira, en novas actividades industriais, como a construción naval. Con iso, preténdese abrir novos nichos de mercado para tecnoloxías nas que o continente presenta claras vantaxes competitivas.

Cofinanciado polo Sétimo Programa Marco

Aimen coordina este proxecto, no que están integradas cinco empresas, dúas delas galegas, e tres centros de investigación de 4 países. As compañías galegas que colaboran son Atenasa, empresa auxiliar especializada na realización de traballos de habilitación de buques e de obra civil; e o estaleiro José Valiña, experimentado en operacións de construción naval. Así mesmo, participan Robotnik (España), especializada no desenvolvemento de robots móbiles; CAT Progetti (Italia), centrada na posta en marcha de solucións de sensorización e automatización industrial; e Deltamatic (Portugal), dedicada á integración de recursos de automatización industrial.

Os labores de investigación realizaranos, ademais de Aimen, que se ocupará do desenvolvemento do sistema autónomo de marcado e colocación de bulóns auto soldables (composto por brazo robótico lixeiro, ferramentas de proceso, sensores e software de visión e control); INESC Porto (Portugal), que contribuirá coa súa experiencia en navegación de robots móbiles; e a Universidade de Aalborg (Dinamarca), que porá a disposición do proxecto o seu know-how no deseño de robots capaces de cooperar con humanos en operacións complexas e ámbitos non estruturados.

O presuposto total de CARLoS, que finalizará en setembro de 2015, é de 1.440.445,46 euros e conta cunha axuda de 1.028.000 euros da Unión Europea, financiado a través do Sétimo Programa Marco.

(Fonte: Aimen)