Coren comercializará uns 25.000 xamóns alimentados con castañas

Coren vestiu as súas mellores galas para a posta de longo das súas novas instalacións en Lugo, as dedicadas ao curado da gama de xamóns Selecta. Trátase dun produto que acaban de lanzar ao mercado, apostando pola produción tradicional e natural. De feito, segundo explicaron no acto inaugural, as pezas proceden na súa totalidade de porcos alimentados en pequenas explotacións de Lugo e Ourense a base de castañas.

As novas instalacións (salas de curado, adegas, sala de desosado, de loncheados...) teñen unha capacidade para 200.000 pezas. A primeira remesa comezou o ano pasado o proceso de curado, cumprindo agora os 18 meses necesarios. Deste xeito, este ano comercializarán 25.000 pezas e o ano que vén duplicarán esta cifra.

O conselleiro delegado de Coren, Manuel Gómez-Franqueira, mostrou as novas instalacións ás numerosas autoridades e profesionais do sector que se achegaron a coñecer en que consiste a gama Selecta: o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana; o delegado do Goberno, Samuel Juárez; o subdelegado, Ramón Carballo; a delegada territorial, Raquel Arias; o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro, e edís lucenses de PSOE e PP, entre outros.

Desde Coren explicaron que coa gama Selecta, que se comercializa en xamóns enteiros, desosados ou en lonchas, conséguese un produto máis zumento e veteado. Tamén destacan que é rico en proteínas e vitaminas, achegando aminoácidos esenciais para o organismo.

Os xamóns acaban de terminar agora o seu proceso de curado, pero Selecta comezou con produtos frescos como lombo, agulla, costela, touciño entrefebrado, segredo.... que se comercializan en grandes superficies e en carnicerías. Primeiro empezaron no norte de España, logo ampliaron a Andalucía e posteriormente ao mercado internacional. Concretamente, destacan que Xapón é un dos países onde máis se valora esta gama polo aprecio que se ten á castaña. De feito, xa hai restaurantes xaponeses nos que se incluíu nas súas cartas o Galicia Kuri Buta, como denominan alí ao porco Selecta.

(Fonte: La Voz de Galicia)