A Universidade de Vigo proba con éxito o seu novo satélite

A Universidade de Vigo probou con éxito un novo nanosatélite, o HumSAT-D, que acaba de superar dúas semanas de probas, e que será ensamblado proximamente en Roma e posto en órbita, entre finais de maio e xuño, dende Rusia.

Este nanosatélite ten como finalidade validar a viabilidade do proxecto HumSAT, porque permitirá comprobar a eficacia dunha tecnoloxía que, posteriormente, se utilizará na posta en marcha dunha constelación máis completa de satélites, sensores e estacións de terra.

Así, o satélite demostrador configurado polo equipo que lidera o profesor Fernando Aguado, acaba de superar varias probas nas que foi sometido a condicións extremas de frío, calor e baleiro. O HumSAT-D respondeu de forma positiva e os seus estándares de calidade foron acreditados pola Axencia Espacial Europea.

Tras superar esas probas, o equipo de enxeñeiros da Universidade de Vigo espera concretar unha data para que o nanosatélite sexa ensamblado en Roma, no UniSat5, un satélite da Universidade La Sapienza, no que tamén serán adaptados dispositivos doutras institucións e centros de investigación.

Este dispositivo servirá para avanzar na configuración da futura constelación HumSAT, que estará formada por sensores, estacións de terra e nove satélites, que serán enviados ao espazo en diferentes lanzamentos para que estean en órbitas complementarias.

(Fonte: Innovaticias)