Transferencias sen fíos a maior velocidade

Os habitantes de todo o planeta cada vez están máis preto uns doutros grazas ás tecnoloxías novas e emerxentes. Os teléfonos móbiles e intelixentes permiten entaboar unha conversación con calquera persoa en todo o mundo e enviar correos electrónicos e fotos de xeito case instantáneo. Non obstante, a medida que aumenta a capacidade dos usuarios ao respecto tamén crecen as expectativas sobre estes servizos, e en consecuencia varias destas novas tecnoloxías xa sofren unha presión considerable que redunda no seu rendemento.

Un dos impedimentos atópase na transferencia de datos. Esta transferencia pode realizarse mediante conexións físicas por cable, que crean certo grao de confusión, ou por medios sen fíos en forma de Bluetooth ou Wi-Fi. No segundo caso as conexións son aceptables para a transferencia de arquivos pequenos, pero non cando o que se desexa transmitir é, por exemplo, a gravación dunha cerimonia de graduación ou de voda á que se está a asistir, pois o proceso de transferencia pode eternizarse.

Investigadores do Instituto Fraunhofer de Microsistemas Fotónicos (Fraunhofer IPMS), situado en Dresde (Alemaña), desenvolveron un sistema novo que emprega tecnoloxía de infravermellos e que non só é superior á tecnoloxía sen fíos actual, senón que tamén supera aos sistemas de cable máis comúns.

Frank Deicke, un dos investigadores encargados do desenvolvemento da nova técnica e especialista en tecnoloxía infravermella, presentou o novo módulo infravermello, un sistema inédito ata agora. "É capaz de transferir datos a velocidades de 1 gigabit por segundo (Gbit/s). Para poñelo en perspectiva, un carácter nun correo electrónico pesa oito bits. O módulo infravermello é capaz de transferir 125 millóns de carácteres por segundo", explicou Deicke.

As conexións por cable entre dispositivos electrónicos adoitan ser máis rápidas que as sen fíos, pero este módulo infravermello vén a cambiar as tornas. O 'módulo de comunicación multigigabit', como se deu a coñecer, é seis veces máis rápido que un cable USB 2.0, o cable de transferencia de datos máis común na actualidade. A maioría dos ordenadores posúen portos USB 2.0 e a maioría dos discos externos de memoria axústanse a este protocolo. A velocidade de transferencia desta nova tecnoloxía sen fíos por infravermello é manifestamente superior á da tecnoloxía sen fíos convencional, en concreto 46 veces máis rápida que a tecnoloxía Wi-Fi e 1430 veces máis rápida que unha conexión Bluetooth.

Esta velocidade de transferencia superior débese ao procesamento de sinais a alta velocidade que realiza o dispositivo. Os freos á transferencia de datos prodúcense durante as fases de codificación e decodificación. Por exemplo, antes de enviar un vídeo dende unha cámara dixital é necesario convertelo a un sinal de radio. O dispositivo receptor, un ordenador portátil ou de sobremesa, descodifica este sinal de radio e vólvea converter en datos de vídeo, un proceso de conversión que consume tempo.

Solucións técnicas

O reto para o investigador e o seu equipo foi a construción dun módulo infravermello de pequeno tamaño que contase con hardware e software de alta velocidade. Ademais, o tempo de procesamento necesario para realizar as tarefas de codificación e decodificación debía acurtarse o máximo posible, posto que a intensidade no uso do microprocesador é proporcional ao consumo eléctrico. "Unha combinación enxeñosa de distintas solucións técnicas permitiu dar solución a este problema", afirmou Deicke.

Unha das solucións empregadas consiste nun transceptor, un compoñente óptico capaz de enviar e recibir sinais de luz de forma simultánea. O transceptor apenas é do tamaño da uña dun neno, pero contén un díodo láser que envía pulsos de luz e un fotodetector que as recibe. Tamén resultan cruciais os decodificadores, que reciben e procesan os datos codificados.

Deicke e o seu equipo tiveron que programar distintos mecanismos enxeñosos de corrección de erros debido a que os sinais de luz perden intensidade e suman distorsión ao desprazarse no aire. Como sucede co mando a distancia de calquera televisor, é necesario contar cunha liña de visión despexada entre o emisor e o receptor. Para Frank Deicke isto non supón un problema: "Simplemente sitúase a cámara ou o teléfono xunto ao ordenador". Deste modo é posible transferir un vídeo en cuestión de segundos.

Os investigadores son conscientes da necesidade de que a industria adopte este estándar tecnolóxico para que a súa utilización se xeneralice. Só así empezará a instalarse nunha ampla gama de dispositivos e permitirá aos consumidores conectar calquera ordenador portátil a todo tipo de cámaras sen dificultade. Por esta razón Deicke participa de forma activa na Asociación de Datos por Infravermellos (IrDA) onde, entre outras funcións, colabora no Grupo de traballo 10 Giga-IR.

Esta actividade pon de manifesto o seu obxectivo para o futuro, aumentar a velocidade de 1 Gbit/s. "O Noso módulo de infravermello xa demostrou que este tipo de tecnoloxía é capaz de superar con moito os estándares actuais. O noso traballo de cara ao futuro pasa agora por mellorar aínda máis o rendemento". Deicke xa demostrou que é posible aumentar a velocidade de transferencia do seu dispositivo ata os 3 Gbit/s. Os 10 Gbit/s non están tan lonxe como cabería pensar.

(Fonte: Cordis)