O bioplástico escóndese no lixo

As cáscaras de patacas ou os restos do filete que tiran ao lixo os europeos poderían converterse na materia prima para a produción de bioplásticos, unha iniciativa do Sétimo Programa Marco da Comisión Europea pretende usar o refugallo municipal para xerar biopolímeros, a base dos bioplásticos.

O uso de bioplásticos popularizouse como alternativa ante os plásticos convencionais, fabricados con derivados do petróleo. Esta industria creceu un 20% cada ano, de acordo a European Bioplastics, asociación que representa os intereses do dito sector.

O 1% da produción mundial

Os bioplásticos representan o 1% da produción mundial, que está en torno aos 250 millóns de toneladas ao ano, segundo Álvaro Estrada do Departamento de Información Técnica do Instituto Tecnolóxico do Plástico (AIMPLAS).

Nesta liña o proxecto "Biopolímeros a partir da fermentación de syngas" (SYNPOL, en inglés), implementará tecnoloxía para converter o carbono contido nos refugallos en syngas, unha substancia composta de monóxido de carbono e CO2.

Este syngas utilízase para alimentar bacterias e permitir que produzan bioplástico. Actualmente a maioría dos bioplásticos son producidos a partir de fontes como a pataca, millo, trigo, ou chícharo. O proxecto piloto é a primeira iniciativa europea que espera impulsar a produción de bioplásticos a partir de residuos e en España será liderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Reducir custos, un reto

María Auxiliadora Prieto do Centro de Investigacións Biolóxicas do CSIC dixo a Efe que este proxecto podería reducir o custo da produción de bioplásticos, ademais de ter un menor impacto medioambiental e diminuír o uso de disolventes contaminantes.

O CSIC desenvolveu con anterioridade proxectos para producir bioplásticos, os seus científicos idearon un sistema baseado en bacterias capaces de autodestruírse e liberar o bioplástico producido no seu interior.

Este proceso reduciu nun 30 % os custos de produción de bioplásticos e xa foi patentado pola empresa española Biopolis S.L., especializada en biotecnoloxía microbiana.

Prieto afirmou que un dos principais desafíos de transformar residuos en materia prima para bioplásticos é que o proceso poida reproducirse de forma masiva.

"Non sabemos se o rendemento vai ser adecuado, este procedemento xa se fixo e sábese que as bacterias son capaces de alimentarse a partir de syngas e incluso que poden producir bioplásticos, pero non sabemos se imos producir o suficiente como para que sexa rendible.", confirmou.

Asegurou que ao utilizar residuos para a produción de bioplástico, non se compite co sector alimenticio pola materia prima.

(Fonte: EFE)