En total celebráronse 60 sesións dos espectáculos Ciencia ou Ficción, Raios e Centellas!, Forzas e Enerxía e Maxia Química, nas que os estudantes tiveron a oportunidade de descubrir a ciencia que se esconde detrás dos trucos do cinema e participaron en experimentos que lles permitiron acender lámpadas co nariz, xerar unha enorme tormenta de raios no interior do salón de actos, someterse a un detector de mentiras elaborado con kétchup, facer lume chocando bólas metálicas, fritir un ovo sen calor, dobrar culleres co poder da mente, converter a auga en viño ou conxelar líquidos cun toque de vara máxica.
Tecnópole celebra 20 anos de crecemento
Ademais, Ricardo Capilla destacou que esta actividade fixo posible achegar á sociedade o labor do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, que no seu 20 aniversario celebra unha verdadeira traxectoria de crecemento. Neste sentido, as empresas de Tecnópole conseguiron incrementar o seu volume de negocio en 44,1 millóns durante o ano 2011, con respecto ao exercicio anterior, chegando a pechar 2011 cunha facturación total de 214,9 millóns, o que supón un aumento do 25,7%. Mentres que no campo do emprego, ao final de 2011 das empresas do Parque Tecnolóxico de Galicia sumaban 1678 traballadores, un 9% máis que en 2010, o que significa que nun ano se crearon de 139 empregos novos dentro do Parque.
O obxectivo de Tecnópole é continuar aumentando este balance de éxito con iniciativas como a recente apertura dun servizo innovador orientado ao colectivo dos traballadores autónomos: a sala de coworking. A finalidade deste proxecto é que estes profesionais poidan instalarse por un custo moi baixo, coa posibilidade de colaborar e compartir proxectos entre eles, ao tempo que se relacionan coas 80 empresas que traballan en Tecnópole.
(Fonte: Tecnópole)