Unha empresa de Tecnópole desenvolve o primeiro sistema de automatización dotado con intelixencia artificial para a industria agroalimentaria

A empresa Aukor, con sede en Tecnópole, acaba de rematar o desenvolvemento do primeiro sistema integral de xestión dotado con intelixencia artificial para a industria do sector agroalimentario, con aplicación concreta e inmediata nas plantas de procesamento de cereais (fariñeiras, panificadoras e fábricas de pensos, entre outras).
 
Trátase dun sistema de control integral mediante intelixencia artificial capaz de tomar decisións que ata agora se tiñan que realizar mediante monitorizacións e correccións manuais. Isto quere dicir que o sistema, de forma totalmente autónoma, é capaz de predicir, anticiparse e actuar sobre os procesos de fabricación, seguindo unhas pautas establecidas e integrando novo coñecemento mediante un proceso de autoaprendizaxe, o que lle permite optimizar o rendemento da planta para que sexa máis eficiente e segura ao longo de todo o proceso produtivo. É o caso do rexeitamento automático de lotes que non conseguen os estándares de calidade ou da corrección de cantidades para conseguir os niveis nutricionais adecuados no caso, por exemplo, dos pensos.
 
Segundo explica o director xeral da empresa, Carlos Sampayo, "o sistema funciona de xeito similar a un xogo de xadrez nun ordenador: con base nunha regra e tomando como referencia o histórico de partidas e movementos, elixe a mellor xogada en cada momento, superando a decisión humana".
 
Para o desenvolvemento deste sistema a empresa contou coa colaboración de investigadores da Universidade Autónoma de Madrid e da Universidade de Colonia (Alemaña), que achegaron o coñecemento necesario para a dotación de intelixencia artificial.
 
A empresa atópase en fase de comercialización do produto, un proceso que a levará á súa primeira fase de internacionalización coa busca de implantacións en Polonia, Turquía, Rusia e Marrocos, fundamentalmente.
 
Sobre Aukor
 
Aukor é unha enxeñería industrial especializada en robótica e automatización. Fundada en 1998 por dous enxeñeiros de Ourense, comezou a súa andaina nun niño do Centro de Empresas e Innovación de Tecnópole, no que permaneceu ata a construción do seu propio edificio no mesmo recinto industrial, cumprindo así co ciclo evolutivo esperado dunha empresa que inicia o seu proxecto empresarial baixo o amparo de Tecnópole.
 
Ao longo destes 14 anos de traxectoria no campo da automatización e control de procesos industriais, Aukor centrou o seu labor fundamentalmente nos sectores alimentario e farmacéutico, levando a cabo un plan de crecemento constante, que lle permitiu alcanzar unha cifra de negocio de 10 millóns de euros anuais.
 
Hai uns anos, Aukor deseñou e desenvolveu un sistema de almacenaxe intelixente integramente manexado por robots que foi implantado en varias empresas por toda España e que permite, co traballo dun só operario, mover 3000 caixas á hora e cargar máis de 50 camións de gran tonelaxe nun día.
 
(Fonte: Aukor)