O delirio dos inventos

As patentes son obxecto de eterna discusión, tanto polo rexistro de métodos que parecen moi comúns coma polo uso destas para atacar a competencia. Pero hai outro capítulo neste tema: as patentes que, orixinalmente, parecen carecer de sentido. Unha consola de xogos para urinarios masculinos e un sistema para envellecer arquivos dixitais poderían ser exemplos diso.
 
A empresa británica Captive Media patentou un sistema que permite aos homes xogar nos urinarios aproveitando a micción (uns 50 segundos de media) para apuntar ou disparar a un obxectivo. O sistema instala unha pantalla na parte superior da cunca do urinario que permite tanto propoñer o xogo como inserir publicidade. O sistema recoñece tres ordes: inicio, dereita e esquerda a través de infravermellos que detectan a traxectoria dos ouriños. Os xogadores poden acumular puntos e publicar os seus resultados nas redes sociais. Drinkaware, unha organización benéfica que promove o consumo responsable de alcohol, xa contratou o sistema e próbao nun bar de Londres.
 
Pola súa banda, IBM ten presentada unha patente que envellece os arquivos dixitais. Para que o seu propietario advirta a súa antigüidade non deberá consultar a data de creación. Abondará contemplar a súa degradación. Un texto ou unha foto con 20 anos de antigüidade presentarían unha deterioración similar á que pode padecer un documento de papel ou unha fotografía impresa. O sistema ofrecería o estado dixital orixinal do arquivo e a súa degradación. O propietario podería escoller que tipo de arquivos somete a esta deterioración virtual.
 
(Fonte: El País)