As melloras tecnolóxicas poden reducir a demanda enerxética nun 40%

As melloras tecnolóxicas poden reducir a demanda española de enerxía nun 40% a custos moi reducidos ou nulos, segundo as conclusións do informe anual de Economics for Energy, presentado na Comisión Nacional de Enerxía.
 
Os resultados indican que é posible reducir máis dun 25% a demanda de enerxía a 2030 simplemente coa implantación das medidas xa previstas, cunha redución adicional de entre un 15 e un 20% adicional con medidas máis agresivas, tanto políticas como de desenvolvemento tecnolóxico
 
O documento deste centro de investigación constituído en 2010 por universidades, empresas e administración pública, invita a unha reflexión sobre o papel das distintas medidas de apoio, indicando que pode ser necesario reformularse o marco actual baseado en subvencións.
 
Trátase do segundo informe anual presentado pola entidade, que na súa edición de 2010 concluía que equiparar a intensidade enerxética española á media da UE dos 15 suporía un aforro de entre o 1,5% e o 3,5% do PIB estatal (en función do prezo do barril do petróleo).
 
O informe é o resultado dunha estimación dos potenciais e dos custos de redución da demanda de enerxía, algo que non se realizara ata o momento desta forma en España.
 
Segundo os directores de Economics for Energy, Xavier Labandeira e Pedro Linares, esta información é especialmente útil e necesaria para o correcto deseño e avaliación de políticas de aforro e eficiencia enerxética, prioritarias na busca de maior seguridade enerxética, menos emisións e máis aforros económicos.
 
Os resultados mostran que para 2030 a demanda pode estabilizarse preto dos niveis de 2010, o que suporía unha redución dun 26% respecto á demanda previsible en ausencia do cambio tecnolóxico.
 
Recomendacións
 
O documento avanza que deixar os cambios a mercé do mercado non resultaría tan efectivo, mesmo nun escenario de avance tecnolóxico, se o custo da enerxía é baixo, ademais é necesario reiterar a importancia de que os prezos da enerxía recollan todos os custos para dar o sinal correcto ao aforro enerxético.
 
As recomendacións do texto en relación á optimización destas políticas de cara ao futuro céntranse en asegurar unha maior penetración das enerxías renovables no sector eléctrico; reducir os consumos nos vehículos potenciando os híbridos pero tamén mellorando os convencionais; ou favorecer o cambio modal cara ao ferrocarril.
Durante a presentación do documento, Linares recalcou a necesidade de establecer unha "política específica" para cada unha das medidas de aforro que se queiran implantar porque, na súa opinión, "non hai medidas comúns" no ámbito da enerxía.
 
Neste sentido, apunta entre outras consideracións, que as subvencións xeralistas ao investimento, non resultan especialmente axeitadas porque só melloran a rendibilidade económica (xa satisfactoria de por si en moitas das medidas) sen resolver os problemas de custos ocultos, os altos custos de transacción ou as barreiras non económicas.
 
A fiscalidade, aínda que si dá sinais axeitados no longo prazo e polo tanto corrixe o efecto sobre o prezo da enerxía, tampouco permite solucionar o problema, conclúen os autores.
 
(Fonte: Expansión)