Deseñan lentes de contacto que poderían substituír ás pantallas de ordenador

A visión dos superheroes das películas de ciencia ficción é unha realidade máis próxima despois de que un equipo de científicos deseñase unhas lentes de contacto nas que se poden proxectar imaxes coma se fose unha pantalla, segundo unha investigación publicada.
 
De momento, o dispositivo só ten un pixel, pero os seus creadores veno como un paso para a produción de lentes con varios pixeis que permitan ver información -como mensaxes de correo electrónico- en tempo real sen ter unha pantalla diante.
 
A lente, creada por investigadores da Universidade de Washington (EE.UU.) e da Universidade Aalto (Finlandia), está composta por unha antena que subministra a enerxía enviada por unha fonte externa e un circuíto extraplano integrado para almacenala e transferila a un chip transparente de zafiro que contén un LED (díodo emisor de luz) azul.
 
Os investigadores indicaron nun artigo na revista Journal of Micromechanics and Microengineering que a lente, que foi probada nos ollos dun coello vivo, non causou dano ningún no globo ocular nin na córnea do animal e tampouco se observaron signos de efectos secundarios adversos.
 
Non obstante, despois de demostrar o funcionamento das lentes e comprobar que son un dispositivo seguro, os investigadores sinalan que aínda son necesarias melloras para conseguir reproducir texto e imaxes como as pantallas de alta resolución.
 
Un dos problemas que tiveron que superar foi lograr que o ollo vise a información con nitidez, xa que a distancia focal é de tan só uns centímetros e temían que as proxeccións se visen borrosas.
 
Para salvar este escollo, os investigadores incorporaron un conxunto de lentes de Fresnel no dispositivo (moito máis delgadas e máis planas que as lentes convencionais) para enfocar a imaxe proxectada na retina.
 
O profesor da Universidade de Washington Babak Praviz, coautor do estudo, recoñeceu que se ten que mellorar o deseño, pero o equipo xa traballa no seu próximo reto: "O Noso próximo obxectivo é a incorporación dun texto predeterminado na lente de contacto".
 
Os investigadores sinalan no estudo que as probas e as análises que fixeron ao coello para avaliar o efecto do uso da lente de contacto na córnea e o corpo en xeral realizáronse seguindo "estritamente" as normas que regulan o trato aos animais nos ensaios de laboratorio.
 
(Fonte: EFE)