O Centro Tecnolóxico AIMEN idea un sistema láser para fabricar módulos fotovoltaicos óptimos a partir de células solares defectuosas


O Centro Tecnolóxico AIMEN lidera un proxecto europeo de I+D para desenvolver un dispositivo láser destinado á reparación de células fotovoltaicas danadas durante o seu proceso de fabricación, para producir con elas novos módulos fotovoltaicos, de características melloradas e con formatos personalizados.

Trátase de REPTILE (Repairing of Photovoltaic Wafers and Solar Cells by Laser Enabled Silicon Processing), unha iniciativa internacional que recibiu o apoio do Sétimo Programa Marco de I+D da Unión Europea, na que AIMEN conta con socios procedentes de distintos países: ISC Konstanz, un centro alemán punteiro en investigación sobre enerxía solar; e tres firmas do sector fotovoltaico; SOLARTEC (checa), INGESEA (española) e ENOPSYS (grega).

A industria fotovoltaica xera gran cantidade de células de baixa eficiencia, debido ao seu complexo proceso de fabricación. Ao redor dun 8% das pezas solares fabricadas son defectuosas, e o mercado non contaba, ata agora, cunha solución efectiva para a reutilización destes refugallos. O proxecto REPTILE, coordinado por AIMEN, dá resposta a esta necesidade, ao proporcionar unha técnica automatizada que permite aproveitar os módulos solares estragados, mediante a aplicación de tecnoloxía láser, obtendo novos produtos de alto valor engadido.

De feito, o sistema REPTILE permitirá a produción de pezas fotovoltaicas de características melloradas e xeometría personalizada, para ser utilizados en solucións de integración arquitectónica de todo tipo (edificios, infraestruturas, sinalización, etc.), a un custo moi competitivo.

Ademais, con esta técnica preténdese introducir un novo actor na industria da enerxía solar, as pemes, que centrarán a súa actividade en pequenas áreas de aplicación fotovoltaica personalizada. REPTILE tamén xera unha nova vía de negocio para o sector europeo dos equipos láser, cunha nova aplicación industrial para estes. Este dispositivo automatizado terá, deste modo, repercusións positivas en todos os axentes deste campo de actividade: fabricantes, provedores, instaladores, etc.

(Fonte: Aimen)