Crean un novo tipo de memoria con grafeno

Necesitamos máis espazo de almacenamento. A medida que as cámaras dispoñibles nos nosos teléfonos móbiles aumentan a súa resolución, e que os vídeos que compartimos cada día ocupan máis espazo, a memoria interna dos nosos gadgets ou a capacidade das nosas memorias USB debe incrementarse proporcionalmente.
 
A tecnoloxía actual está chegando aos seus límites, e os investigadores están comezando a experimentar cun novo tipo de memorias flash que utilizan grafeno xunto ao tradicional silicio para almacenar información. Mentres que as celas de memoria tradicionais comezan a ser inestables ao alcanzar os 22 nanómetros, as baseadas na tecnoloxía "híbrida" silico-grafeno poderían ser miniaturizadas ata chegar aos 10 nm.
 
A industria informática duplica o tamaño dos dispositivos de almacenamento dos ordenadores cada 2 anos aproximadamente. Isto é válido tanto para discos duros coma para a memoria RAM ou a capacidade das memorias flash. E é neste último segmento onde se están a producir os avances máis interesantes.
 
As memorias flash son as que fan posible artefactos como o iPhone, pendrives ou os discos duros de estado sólido que tarde ou cedo substituirán aos que hoxe utilizamos. Calquera sabe que a capacidade de calquera destes dispositivos aumentou constantemente dende que foron introducidos no mercado, pero non poderán facelo indefinidamente.
 
Cada bit de información almacénase nunha pequena cela composta por un puñado de compoñentes electrónicos, e iso require de certo espazo. Utilizando silicio podemos reducir o tamaño dos devanditos compoñentes ata alcanzar os 22 nanómetros. Máis alá diso, as celas de memoria comezan a ser inestables. Pero existen outros materiais, entre os que se destaca o grafeno, que permitirán ir bastante máis alá, posibilitando memorias con celas tan pequenas como 10 nanómetros sen padecer ese problema.
 
Baixo consumo, longa duración
 
Un dos laboratorios que está a explorar esta alternativa é o da Universidade de California en Los Ángeles (UCLA), onde un equipo de investigación que traballa cóbado a cóbado cos enxeñeiros de Samsung desenvolveu un novo tipo de memoria flash que combina o grafeno co silicio para almacenar a información. O grafeno é unha alotropía do carbono, unha estrutura de teselas hexagonais na que cada vértice posúe un átomo de carbono. A incorporación do grafeno ás memorias que coñecemos como "flash" abrirá a porta a dispositivos con maior capacidade de almacenamento e un menor tamaño.
 
"Non estamos a eliminar completamente o silicio ao utilizar o grafeno, máis ben estamos a usar o grafeno como unha axuda que permita estender o radio de acción desta tecnoloxía", di Augustin Hong, da UCLA. Ademais, dende o punto de vista eléctrico o grafeno require de menos enerxía para funcionar, polo que as novas memorias serán "de baixo consumo", algo sumamente positivo e que estenderá a duración de cada recarga de baterías. As celas construídas por estes científicos son capaces de almacenar datos por uns 10 anos, máis ou menos o mesmo que prometen as memorias de silicio. Esperemos que cheguen pronto ao mercado.
 
(Fonte: ABC)