Estudantes valencianos crearán unha alternativa biolóxica á desinfección química de augas contaminadas

Estudantes de varias universidades valencianas participan nun proxecto internacional co obxectivo de deseñar unha alternativa biolóxica para a desinfección de augas contaminadas eliminando organismos patóxenos.
 
Con este traballo preséntanse á competición iGEM, organizada polo prestixioso Massachusettes Institute of Technology, MIT, que pretende difundir e impulsar entre os membros máis novos da comunidade científica a bioloxía sintética, unha nova área onde a bioloxía pasa de descubrir a inventar e crear organismos únicos e novos con tarefas predeterminadas.
 
Concretamente, o traballo do equipo valenciano realizarase mediante técnicas de bioloxía molecular e pretende dotar de mecanismos de defensa ás células para así poder eliminar os microorganismos patóxenos presentes na auga. O sistema será regulado mediante bacterias que aproveitarán a luz para modificar o pH do medio, que activará a acción das moléculas que atacarán aos patóxenos.
 
Un dos membros do equipo, David Hervás, asegura que este proxecto é “ambicioso e viable, e pode ser unha solución para un gran problema como é a contaminación da auga no mundo”. Respecto á orixe da idea, Mariña Sanz, licenciada en Ciencias do Mar, conta que xurdiu “a partir da procura dun tratamento alternativo ao uso de desinfectantes químicos, que dan lugar á formación de produtos secundarios prexudiciais para a saúde e o medio ambiente”. O equipo iGEM Valencia 2011 cre que quizais, nun futuro, esta idea podería empregarse no tratamento de augas.
 
Os resultados obtidos polos distintos equipos presentaranse en outubro en Amsterdam na semifinal europea; e en novembro, os clasificados participarán na final mundial en Boston, na sede do MIT.
 
Neste sentido, David Fonte, enxeñeiro químico, cre que é incrible “o que podemos chegar a construír en só un par de meses”. Ademais, di que é “toda unha experiencia traballar con compañeiros que posúen uns coñecementos e unha formación distinta á propia e todo un reto o ser capaces de coordinar tantas decisións en tan pouco tempo”.
 
Nesta mesma liña, Juan Ricardo Ortiz (Biotecnoloxía) asegura que o mellor do iGEM é “a posibilidade de coñecer alumnos doutros perfís e traballar conxuntamente na consecución dun mesmo obxectivo”. Pola súa banda, Maria Mossi, estudante de Ciencias do Mar, considera que é unha excelente oportunidade para entrar en contacto, por primeira vez, co mundo da investigación, xa que “hai moitas dificultades para iso se non tes experiencia, e ademais permítenos elixir o noso propio proxecto”.
 
De feito, Miguel Pitarch, estudante de Enxeñaría Industrial, di que o que máis significativo do iGEM é que tes “unha visión completa do que é un proxecto de investigación de principio a fin”.
 
Os estudantes, que desenvolven o proxecto durante as “vacacións” de verán, esperan igualar os excelentes resultados cultivados até o momento por este equipo español. Ademais, os mozos dedícanse, tamén, á procura do financiamento necesario para poder desenvolver e defender o seu proxecto.
 
O grupo InterTech é o coordinador do primeiro equipo español que competiu nesta iniciativa mundial, na que participan as mellores universidades. De feito, desde a súa asistencia pioneira en 2006, foi fiel a esta cita anual, logrando na súa traxectoria un número considerable de premios e recoñecementos, e facendo historia en 2009 cando o equipo valenciano quedou o terceiro do mundo.
 
(Fonte: RDi Press)