Unha empresa galega crea un sistema para detectar os incendios en dous minutos

Se se reeditasen as pragas da Biblia, os incendios forestais aparecerían como unha das principais desgrazas da humanidade. Cada ano arden en Galicia unhas 20.000 hectáreas. Para frear a tempo os terribles focos incendiarios, a empresa galega Integra deseñou un novidoso sistema "único no mundo".
 
O Integra Wild Fire estará dispoñible para a campaña de incendios de 2012. E permitirá detectar e denunciar un posible foco de lume en menos de dous minutos. O proxecto, que xa espertou o interese de países do sur de África, facilita así a detección precoz de incendios forestais.
 
Segundo Javier García, director de Integra, o sistema localiza "unha pequena columna de fume dun lume incipiente nun radio de 2 quilómetros, equivalente a máis de 1200 hectáreas". O prototipo emite un potente feixe de infravermellos que permite iluminar o horizonte. En canto localiza un obstáculo permanente e limitado no espazo, amplifica o sinal nun billón de veces e remítea aos servizos de vixilancia ou emerxencia. O equipo utiliza tres tipos de aumento: amplificación óptica, electrónica e dixital. Instalarase no medio do bosque, sobre unha torre duns 20 metros de altura e con mobilidade de 360 graos para observar todo o horizonte sen necesidade dun control humano.
 
O enxeñeiro de deseño electrónico Michael Taylor confirma que "as probas máis determinantes xa se realizaron na Noite de San Juan no ámbito da Coruña". Na demostración realizada, o equipo instálase en Betanzos con visibilidade sobre o fume emitido por unha fábrica madeireira a uns 2,4 quilómetros. Deseñouse para "gastar a menor enerxía posible, alimentado por placas solares e activando os seus mecanismos só cando detecta o fume". O Integra Wild Fire xa leva gravada na súa memoria a paisaxe onde se instala (árbores, casas con chemineas), para detectar só o fume dos incendios. E envía aos servizos de emerxencia unha foto do perigo, ademais de información técnica. Con este sinal de confirmación, a administración tería os datos necesarios para enviar os helicópteros de extinción. Segundo indica Javier García, "no mundo non coñecemos outro sistema semellante para a detección, a Xunta de Galicia utiliza cámaras de infravermellos pero só para localizar a luz do lume".
 
Como relata o director da empresa, "o Integra Wild Fire ten unha vantaxe adicional: a cámara de longo foco que incorpora pódese usar para ver e gravar un posible pirómano". O equipo busca automaticamente a columna de fume, pero pode manexarse de forma remota dende o centro de control e ordenarlle un varrido por toda a zona. Con esta opción, "a Garda Civil pode utilizar imaxes gravadas para deter os pirómanos".
 
Tan novidoso dispositivo xa se patentou. A presente campaña aprovéitase para "mostrárllelo aos responsables dos servizos de loita contra os incendios". E o seu desenvolvemento realizouse integramente nesta empresa con base en Cambre, "con pura I+D+i galega".
 
(Fonte: El Correo Gallego)