As compañías españolas, entre as que menos cooperan en innovación da Unión Europea

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

As empresas españolas son das que menos colaboran na Unión Europea con outras compañías ou institucións para realizar actividades de I+D, e tamén das que menos cooperan con outros países nese campo, segundo o sétimo informe comunitario de Eurostat sobre a proporción de firmas innovadoras na UE, con datos do período 2008-2010.

Segundo a enquisa, as empresas españolas innovadoras son as segundas que menos colaboraron con socios doutros países europeos (5%), só por diante das italianas (4%). As compañías alemás (8%) e as portuguesas (9%) superan en cooperación ás sociedades do noso país.

Os máximos niveis de cooperación rexistráronse en Chipre (38%); Eslovenia (35%); Austria, Estonia e Eslovaquia (30% cada un); Finlandia (28%) e Luxemburgo (27%).

Outro dos datos que desprende o informe é que na UE, de media un 11% das empresas innovadoras adoita cooperar con socios doutro Estado membro, da Asociación Europea de Librecambio (AELE, que comprende Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza) ou con países candidatos.

No referente á colaboración das compañías innovadoras con outras firmas ou institucións de investigación ou universidades, as españolas e as búlgaras (un 22% en cada caso) son das que menos cooperaron, só por diante das portuguesas (20%), maltesas (18%) e italianas (12%). Pola súa banda, as que máis colaboraron foron as de Chipre (62%), Austria (51%), Eslovenia (45%) e Lituania e Hungría (43% cada un).

Entre as que levaron a cabo actividades innovadoras entre 2008 e 2010, o 27% traballou con outras compañías ou institucións, mentres que un 73% recorreron unicamente aos seus recursos internos.

Polo que respecta á cooperación con socios en Estados Unidos, Finlandia (12%), Suecia (11%) e Eslovenia (8%) rexistraron as proporcións máis elevadas, mentres que as taxas de colaboración máis altas con India e China se deron en Finlandia (9%), Suecia (7%) e Luxemburgo e Eslovenia (6% en cada caso).

As empresas innovadoras españolas foron as segundas que menos traballaron con socios de Estados Unidos (o 1,1%), só por diante das italianas (1%). Ademais, son as que menos colaboraron con socios de China e India (0,5%).

En termos xerais, o 53% das firmas de industria e servizos da UE declarou realizar actividades relacionadas coa innovación entre 2008 e 2010. Os países con máis concentración de empresas innovadoras nese período foron Alemaña (79%), Luxemburgo (68%), Bélxica (61%) e Portugal, Suecia e Irlanda (60% cada un). Así mesmo, os países onde había menos corporacións dese tipo foron Bulgaria (27%); Polonia (28%), Letonia (30%) e Romanía e Hungría (31% en cada caso). España colócase en metade da táboa, xa que o 41% das compañías realizaba actividades de I+D.

(Fonte: Innovamás)